QUE SIGNIFICA SER B CORP?

«SER B CORP É ASPIRAR A SER A MELLOR EMPRESA NON DO MUNDO, SENÓN PARA O MUNDO»

Durante os últimos anos, a economía mundial medrou de xeito exponencial, ás veces sen ter en conta o alcance do seu impacto na sociedade. Ante isto, algunhas empresas asumiron a súa forza e a súa responsabilidade e decidiron traballar pola redución da desigualdade, o coidado do medio ambiente, o fortalecemento das comunidades e a creación de postos de traballo de alta calidade.

Neste contexto, no ano 2006 nace B Corp, un movemento que conta na actualidade con máis de 8000 empresas que, coma Hijos de Rivera, non se conforman co establecido e buscan unha transformación do sistema para crear unha economía máis xusta, inclusiva e rexenerativa.

Para formar parte da Comunidade B, as empresas deben someterse a un longo e exhaustivo proceso de avaliación de impacto sobre cinco áreas clave: medio ambiente, clientes, comunidade, traballadores e gobernanza. Un fito que superamos grazas ao noso espírito inconformista e ao noso compromiso co impacto positivo.

Non obstante, a certificación B Corp é moito máis ca un selo. É unha identidade, unha forma de facer negocios e traballar cada día; en definitiva, un xeito de ser e estar no mundo.

Fieis á nosa esencia artesá, en Hijos de Rivera levamos 118 anos sen rendernos, buscando a maneira de ser cada día mellores. Pensando en como coidar o produto, pero tamén en como coidar a nosa xente. E o lugar onde nacemos. E o planeta onde vivimos.
Somos inconformistas. E levámolo sendo dende 1906. Por iso, unirnos á comunidade B Corp é só un paso máis no camiño, un impulso para redobrar esforzos e seguir traballando para crear o mundo no que cremos a través da nosa ambición imperfecta e as decisións que tomamos cada día.

«Tras superar a avaliación de impacto máis esixente do mundo, unímonos a B Corp, un movemento formado por empresas inconformistas coma a nosa e que loitan por construír un sistema mellor, máis sostible e xusto. Só demos acadado este fito grazas ao esforzo de todas e cada unha das persoas que forman parte de Hijos de Rivera». Ignacio Rivera